MOCIÓN PROPOSTA POLO COLECTIVO RENDA BÁSICA DA CORUÑA

logo coruña

MOCIÓN PROPOSTA POLO COLECTIVO RENDA BÁSICA DA CORUÑA

O debate sobre a Renda Básica Incondicional, Universal, Individual e Suficiente está aumentando significativamente, cunha explosión de proxectos piloto (Finlandia, en marcha actualmente e ata o 31 de decembro de 2019, diversos concellos holandeses, India, Canadá, Quenia, Namibia…), sendo obxecto de estudo por un organismo tan relevante como a Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos da ONU, ou aparecendo no programa de diferentes organizacións políticas, tanto conservadoras como progresistas, como o Pan mexicano, o Partido Laborista británico ou o movemento DiEM25

A estes movementos uníronse nos últimos meses pronunciamentos de diferentes institucións económicas que ata hai pouco se mostraban moi reticentes cando non claramente contrarias á idea. Queremos resaltar o pronunciamento realizado polo Consello de Europa na súa reunión plenaria de inverno, o 23 de xaneiro de 2018, adoptado por maioría absoluta (51% a favor, 36% en contra e 13% de abstencións). Trátase da Resolución 2197, que reclama a posta en marcha dunha Renda Básica Incondicional, Universal, Individual e Suficiente en Europa. Cómpre mencionar que a este organismo, do que depende o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo, pertencen todas as nacións europeas excepto Bielorrusia.

Salientar que todas estas declaracións institucionais falan da Renda Básica como dun dereito dentro do actual estado de benestar e non substitutivo deste, como se pretende dende ideoloxías neoliberais. É evidente que unha Renda Básica que pretenda ser suficiente para vivir con dignidade material é incompatíbel coa desaparición dos principais elementos dun estado que garanta os servizos básicos, como son a sanidade, a educación pública e gratuíta, o mantemento e fortalecemento dos servizos sociais, a atención a situacións de dependencia ou a loita contra a precariedade laboral. Se cadra, a implantación dunha renda básica é unha das liñas de actuación que aseguran a redistribución da riqueza na loita contra as desigualdades, mais non é a única.

Porque dende o Colectivo Renda Básica da Coruña, entendemos que a loita pola Renda Básica debemos abandeirala baixo o paraugas da xustiza social e baixo un prisma progresista. Unha loita abandeirada pola maioría social fronte á minoría privilexiada. Debemos apostar por medidas políticas que favorezan á gran maioría social e non permitir que sexa o Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo, o Banco Mundial ou o foro económico de Davos quen dite os dereitos sociais. Porque a Renda Básica non pode ser un gasto máis do estado senón que debe ter un carácter redistributivo, financiándose a través dunha reforma fiscal que siga, no fundamental, o modelo proposto no coñecido estudo dos profesores Arcaróns, Raventós e Torrrens.

Porque no Colectivo Renda Básica da Coruña recoñecemos a importancia dun feito innegábel, recollido expresamente na Resolución do Consello de Europa antes mencionada: “A Europa moderna construíu unha prosperidade impresionante ao conseguir un desenvolvemento centrado nas necesidades e os dereitos humanos”.

Máis tamén amosamos o noso acordo coa súa preocupación: “Cos cambios nas estruturas económicas, a natureza do traballo e os perfís demográficos, o seu modelo social está agora baixo tensión, mentres que o aumento da pobreza e a desigualdade minguan cada vez máis a dignidade humana”.

E coa súa crítica: “Se ben a maioría dos países europeos estableceron esquemas de apoio aos ingresos para garantir ás persoas desfavorecidas un mínimo estrito, case todas necesitan mellorar os seus sistemas para responder as críticas do Comité Europeo de Dereitos Sociais. Este último atopou en repetidas ocasións violacións de feito ao compromiso dos Estados Partes coa Carta Social Europea (STE nº 35 e nº 163) para asegurar un nivel de vida decente para todos os grupos de poboación, especialmente os máis vulnerables (como a infancia, a mocidade e persoas anciáns, as persoas desempregadas e traballadoras pobres, persoas discapacitadas e enfermas)”.

Esta é, sen dúbida, unha crítica lamentabelmente atinada. Os datos de pobreza en Galiza fannos ver que é un asunto de vital importancia para o benestar dos galegos e galegas, e para acadar unha sociedade máis xusta. A modo de pinceladas, a situación en Galiza, e concretamente na cidade da Coruña, é a seguinte:

  • 2.307 axudas de Emerxencia Social concedidas durante o ano 2017: 594 (vivenda),277(gasto sanitario), 164 ( libros, material escolar…), 1267 (necesidades básicas). Neste mesmo ano houbo 323 persoas beneficiarias da Renda Social Municipal no Concello da Coruña.

  • A taxa de precariedade no emprego en Galiza atópase no 26,6%, afectando en maior medida ás mulleres, segundo datos de Instituto Galego de Estatística.

  • En Galiza, no ano 2017, 39.564 persoas cobraron pensións non contributivas por un importe medio de 377.57 €, unha cifra que claramente non permite ter unhas condicións de vida dignas.

  • Pola súa banda, no Concello da Coruña foron 2.403 persoas as perceptoras de prestacións non contributivas da Seguridade Social (datos a 1 de marzo de 2018) e 1.161 as que percibiron a RISGA.

  • O 18,7% da poboación galega atópase en risco de pobreza, segundo a Enquisa de Condicións de Vida 2017. A taxa de risco de pobreza é a porcentaxe de persoas que está por debaixo do limiar da pobreza. Esta cifra é de 8.522 euros ó ano para un fogar dunha persoa adulta. Esta porcentaxe queda por debaixo do real pois non contempla as persoas beneficiarias de PNC que non alcanzan os 8.522€ ó ano.

  • Galiza atópase no posto 13 de 17 no índice DEC, elaborado pola Asociación Estatal de Directoras y Gerentes de Servicios Sociales. O Índice DEC aborda tres aspectos esenciais no desenvolvemento do Sistema Público de Servizos Sociais: dereitos e decisión política, relevancia económica e cobertura de servizos. Segundo este índice, o nivel de desenvolvemento dos Servizos Sociais en Galicia é débil.

Diante desta situación emerxe con forza a idea da Renda Básica, definida claramente no punto 3 da declaración do Consello de Europa: “O ingreso básico, ou ingreso de cidadanía, é unha forma de seguridade social que proporciona a cada cidadán unha cantidade regular de diñeiro para vivir: é “unha renda pagada por unha comunidade política a todos os seus membros de xeito individual, sen proba de medios ou requisitos de traballo” (Van Parijs, 2000). Definido como universal, individual, incondicional e suficiente para garantir a dignidade e a participación na sociedade, o ingreso básico abordaría a pobreza absoluta e eliminaría os desincentivos para traballar (xa que non se retira cando a persoa gaña outros ingresos). Ademais, complementaría os ingresos para aqueles que estean involucrados en traballos non estándar e traballo compartido, aqueles que están subempregados ou mesmo aos que non realizan un traballado remunerado (como o coidado da infancia ou persoas maiores e enfermas na familia)”.

A petición de implantación da Renda Básica está sendo un punto de encontro entre diversas correntes ideolóxicas como única vía de solución á crise actual porque, como vemos, a crise segue. Os datos son concluíntes, temos máis paro e/ou precariedade e menos postos de traballo con salarios e condicións dignas. Estase rompendo a principal fonte de redistribución da riqueza que existía ata o de agora, o salario digno. Por este motivo, a Renda Básica é unha resposta eficaz ante este novo paradigma. De non ser implementada de forma rápida e permanente, arriscámonos ao colapso do sistema nun prazo máis ou menos curto.

No Colectivo Renda Básica da Coruña entendemos que os concellos, e mesmo a Xunta de Galicia, carecen neste momento de posibilidades reais de implementar unha Renda Básica así definida por carecer das competencias necesarias ao non dispor de medios legais nin económicos para poder implantala. Sería necesario emprender unha reforma fiscal moi ampla que permitise a asignación dunha Renda Básica dunha cantidade igual, polo menos, ao limiar da pobreza para toda a poboación. Este financiamento permitiría unha redistribución da renda da parte máis rica á inmensa maioría da cidadanía, pero esta competencia hoxe unicamente a ten o goberno do Estado. Por isto, entendemos que o Concello da Coruña, dende o seu ámbito de actuación, pode e debe fomentar o debate e a visibilización da Renda Básica na cidade.

O Colectivo Renda Básica da Coruña quere, neste momento, estender o coñecemento da Renda Básica entre a poboación e traballar para que esta sexa unha realidade nun futuro non moi afastado, dotando a toda a cidadanía de medios suficientes para garantirlles a existencia material digna e polo tanto, asegurar a desaparición de vez da pobreza .

En definitiva, dende o Colectivo Renda Básica da Coruña, queremos saudar o importante posicionamento do Consello de Europa, uníndonos á súa petición de abrir xa ese debate en profundidade, que pensamos debe facerse a todos os niveis institucionais: Concellos e Deputacións, Galiza e Estado. Por todo isto, o Colectivo pola Renda Básica da Coruña, propón ao Pleno do Concello, a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Apoiar expresamente a Resolución 2197 do 23 de xaneiro de 2018, da Asemblea parlamentaria do Consello de Europa, en todos e cada un dos seus puntos e nas recomendacións finais.

2.- Instar ao Goberno do Estado a que apoie esta mesma resolución e a desenvolver todas as medidas que sexan necesarias para implantar unha Renda Básica Incondicional, Universal, Individual e Suficiente no estado español.

3.- Instar á Xunta de Galicia a promover un debate público sobre este tema e adoptar as medidas necesarias para avanzar, no marco das súas competencias, na implantación dunha Renda Básica Incondicional, Universal, Individual e Suficiente.

4.- Que o Concello da Coruña adopte as medidas necesarias para fomentar un debate público sobre a Renda Básica Incondicional, Universal, Individual e Suficiente.

5.- Remitir copia deste acordo a todos os concellos de Galiza, ás deputacións provinciais e os grupos que as conforman, á Xunta e aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia e ao Goberno e aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados, a efectos do seu coñecemento e máis do seu debate e apoio.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s